Categorías
Cousas

Amigo meu

Amigo meu - Cousas de CastelaoAmigo meu: Eu era cismador e pensatibre a quen a morte gadaña axexaba cos dentes arregañados. No intre de pecha-los ollos para me durmire, un dediño de óso, ou máis ben de marfil, petaba levián na miña testa e o medo facía esplosión en min. Tódalas noites.

Eu morríame do corazón e os médicos non me decían a verdade porque cicais o meu mal non tiña cura. Visitei un e outro e outro máis, e todos me dixeron o mesmo: “Non ten nada”. Pero eu sentía o meu corazón debaterse na súa gaiola, coma un paxaro entolecido, e somentes cando eu ficaba quediño, sen bulir nin chisco, durmía o paxaro do meu peito. 

No intre en que os médicos me dicían “non ten nada” eu sempre avistei nos seus ollos a pintiña escentilante da mentira e da bulra, e un día esgotouse a miña pacencia e cuspinlle na cara ó especialista.. Dende entón eu vivo no manicomio.

Fai pouco tempo entrou nesta casa un médico eminente, que anque está tolo conserva enteira a súa sabencia, e consulteime con el. O meu compañeiro ensaminoume ben e de remate díxome sin chisco de mintira nos ollos: “Ti non tes nada no corazón; ti estás tolo e nada máis”.

Agora eu xa sei que teño san o meu corazón porque os médicos tolos non minten nin se bulran don enfermos. Pero… teño unha dúbida que me arrepía.

O meu compañeiro dixo que eu estou tolo e agora cómpre que ti, que andas solto, consultes o meu caso cun avogado e que che diga se un médico tolo ten dereito a saber de tolerías.

Moitas apertas do teu amigo

X.

P. D. Contéstame axiña porque quero saber se estou tolo ou non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.