INICIO
Biografía
AS "COUSAS"
Se eu fose autor
Onde hai un cruceiro
Unha rúa nun porto lonxano
Chámanlle a "Marquesiña"
O "Rifante"
Aínda eu non nascera
Dous vellos que tamén...
Aínda está no areal
Na "cova dos carcamáns"
Cando eu era rapaz
MÁIS "COUSAS"


VOU CONTARVOS UN CONTO TRISTE

Vou contarvos un conto triste

A pouco de casar, doña Micaela comenzou a facer camisirías; mais a súa ilusión abateuse de súpeto e con bágoas nos ollos meteu nun frasco de augardente o froito merado dos seus amores.

Doña Micaela escribeu nun papeliño: "Adolfo, 12 de maio de 1887". Pegou o papeliño no frasco e, dispois de bicalo tristemente, gardouno no armario das sabáns de liño.

Non vos riades, porque o conto é triste.

Aínda non decorreran catro meses e doña Micaela comenzou a traballar novamente nas camisirías. A boa fidalga regalábase cavilando no herdeiro que xa estaba en camiño do mundo, e por segunda vez doña Micaela ollou murchas as súas ilusións de nai, e con fonda tristura meteu en augardente o novo froito dos seus amores.

Doña Micaela escribeu: "Rosa, 7 de xaneiro de 1888".

Pegou o papeliño no frasco e moi amargurada gardouno no armario das sabáns de liño.

Non vos riades, porque o conto é triste.

A probe señora chorou tres veces máis e meteu en outros tantos frascos de augardente un "Pedro", un "Ramón" e unha "Alicia".

Adolfo, Rosa, Pedro, Ramón e Alicia

Non vos riades.

A boa fidalga decatouse de que non aloumiñaría endexamais un fillo verdadeiro e cos seus grandes azos maternals adicou a vida enteira ó coidado garimoso dos frascos de augardente. ¡Triste vida!

Non; non vos riades, porque o caso é triste.

Cando unha fanada ilusión cumplía anos doña Micaela remudáballe o augardente. Tódolos días bicaba os frascos e arrombaba os laciños de seda que cinguían as vincas dos frascos de "Rosa" e de "Alicia".

A boa fidalga chegou a vella e tiña criadas de tanto ben que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban a casa.

Un día chegou diante de doña Micaela unha das criadas. Viña tan cortada que non podía falar; mais a probe muller tirou consigo no chan e pouco a pouco foi confesando antre saloucos:

-¡Perdón, miña ama! ¡A¡, qué desgracia, señora! 0 señorito "Adolfo" caeume das mans e rompeuse.

E no intre doña Micaela esmoreceuse para sempre.