Categorías
Cousas

Era un neniño de manteiga

Era un neniño de manteiga - Cousas de CastelaoEra un neniño de manteiga, bonito coma un caravel. Ningunha señora podía ollalo sen bicalo.

Vistidiño coma un príncipe de lenda, tiña un ollar tristeiro de neno medrado en sedas e bicos.

Os seus traxes primorosos facían do neno un monequiño para bicar con degaro.

O seu traxe de antroido custaba dous meses de traballo, e a súa nai revíase de ledicia.

Porque á súa beira tódolos nenos daban mágoa, vistidiños con traxes cativos.

E a fermosura do neno foi a súa desgracia. 

Pouco a pouco, na quentura dos agarimos, o neno fíxose mozo. Un mozo cheo de bondade. Unha bondade chea de inocencia.

O mozo entrou nunha academia militar e a súa nai choraba, choraba; mais no fondo do fondo da súa ialma ela ben arelaba que o seu fillo fose distinto.

E cando chegou vistido de cadete a nai entoleceu de fachenda. E o mozo seguía coa súa bondade limpa e branca de neno.

Un día o mozo marchou á guerra por obliga da súa profesión.

E alí caíu ferido de morte. E ó morrer non dixo máis que esta frase tremendamente tráxica:

¡Ay, mi mamaíta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.