A ponte vella xa non rexe cos amores e as traxedias que leva no lombo e calquera día amañece afundida.
Se a ponte vella falase, atestiguar podía o que vou contarvos:
Era unha rapaza branca e bonita como unha filla de rei. Pola súa endebleza e o seu porte fidalgo fixérona costureira e tódolos anoiteceres pasaba pola ponte vella e cruzábase sempore co estudante de crego.
— Boas tardes, Rosa.
— Boas tardes, Pedro.
Ela viña da costura; el tornaba do latín. E olláronse de pasada tantas veces na ponte vella que cando Pedro entrou no Seminario, xa levaba un amor no peito.
O inverno foise e Pedro chegou do estudo e viña ardendo por ver a Rosa. O namorado sentábase tódolos anoiteceres na ponte vella, en espera…
A costureira branca e bonita xa non andaba na costura e ó topárense nalgún camiño, ela agachaba a cara no seu pano i el poñíase a morrer.
Un día Pedro escoitou, co corazón trubado, unha conversa na ponte.
— Aquela cariña tan feita trocouse nunha carantoña que pon medo. Xa seu pai viña de xentes marcadas con cruz no libro da parroquia, e que non pensen en curala… O que che ten a probiña é o mal de San Lázaro.