O bruxo da montaña sabe moitas andrómenas para sanda-las almas feridas. Adiviña canto está por acontecer, se máis que perguntarllo á “peneira de san Cibrán”, e sempre ten unha feiticería axeitada para cada mágoa. ¡Ouh, o bruxo da montaña sabe máis da conta!
Un día é unha rapaza que se mirra de amor e o bruxo inquire da peneira.
— Peneira que peneiras o pan da cristiandade: se Fulano puxo o seu pensamento nesta rapaza vírate para alí.
Moitas veces a peneira vírase para acolá e a coitada sinte as angurias da morte; mais o bruxo, doído de tanto amor como choran o ollos da namorada, asegúralle que o Fulano tornarase cego para tódalas mulleres e non ollará máis que a súa bonitura. E deseguida comenza o enfeitizamento.