Camiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se perde na boca moura dunha congostra.
Eu sempre perguntaba a miña avoa: ¿Onde vai da-la “verea vella”? E miña avoa respondíame con certo mistéreo: “Non vai a ningures, meu meniño”.
Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.
Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes apodrecidas, moreas de tella; todo vai amortaxado con edras, silvas e loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.
Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera…
Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.
— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.
» Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.
» Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.
» De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben.
2 respostas en “Camiño esquecido”
[…] Aínda nunca dera pasado pola «aldea maldita» de Abuín (Rianxo), ou como lle chaman realmente os lugareños, «Abuín de abaixo». Sempre me picou a curiosidade sobre o lugar, e sorprendeume moito descubrir que sobre o lugar Castelao escribira unha das súas Cousas, unha lenda que lle chegaba directamente desde a súa nenez, o Camiño Esquencido […]
[…] que xa Castelao en Cousas, escribe un relato sobre a aldea de Abuín, escenario da acción principal de O alento nas […]