Categorías
Cousas

Doña Florinda

Doña Florinda - Cousas de CastelaoDoña Florinda casouse con Fungueiriño e viveu lúa tras lúa en espera dun fillo que non chegou. Laiándose da súa cativa sorte, doña Florinda pasaba as horas mortas na solaina escoitando o chouqueleo triste das galiñas poñedoras. Fungueiriño era xogador e morreu do corazón, deixándolle á probe fidalga os anceios fanados de acariñar un fillo.

O loito sentáballe ben a doña Florinda e a carne branca dos seus brazos chamou polas olladas a furto de don Roque. A boa fidalga soupo despertar un amor serodio no peito do solteirón e logrou casarse de segundas. E dispois de casada remenceulle novamente o degoro de ser nai, e aínda viveu, lúa tras lúa, en espera dun fillo que non chegou. Don Roque foise do mundo e doña Florinda quedouse soia diante dos seus anceios fanados. 

Categorías
Cousas

Esta morea de pedras e tellas

Esta morea de pedras e tellas - Cousas de CastelaoEsta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.

Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria. 

Categorías
Cousas

Don Froitoso

Don Froitoso - Cousas de CastelaoDon Froitoso non vai polos camiños que levan á verdade, porque sospeita que a verdade ten semellanzas coa morte. Desque os homes do seu tempo foron acedándose pola esperencia, don Froitosos viroulles as costas e fíxose compañeiro dos mozos. Un gran optimista. O día que as súas pernas xa non rexan co seu corpo, chamará nas portas dos médicos, e cando fique varado nos cobertores, aínda agardará por un miragre a cencia. Todo menos facerse cargo da súa vellez. 

Categorías
Cousas

A vella non paraba de gaba-la súa felicidade

A vella non paraba de gaba-la súa felicidade - Cousas de CastelaoA vella non paraba de gaba-la súa felicidade.

— Esta rapaza baixou do Ceo para ledicia da miña vellez. Un anxo que me mandou o Noso Señor. Unha froliña bonita que nasceu no meu corpo de terra. ¡Ais, que sería de min, soia no mundo, sen agarimo de ninguén!

A vella sigue debullando gabanzas.

Categorías
Cousas

O vello “Saramaguiño”

O vello "Saramaguiño" - Cousas de CastelaoO vello “Saramaguiño” pasou a vida cacheando tesouros. Coa pacencia dun xogador de lotería o vello “Saramaguiño” rexistraba o campo da feira, dispois da feira, e o campo da romería, dispois da festa. ¡Cantos valados escudrumou en procura da ola de onzas recortadas! ¡Ai!, o probe “Saramaguiño” morreu sin atopa-lo tesouro degoirado, e nos derradeiros días da súa vida baixábase para apañar do chan as cousas redondas ou brilantes en que batían os seus ollos pitoñentos.

O “Saramaguiño” foi un home de boa fe e na folica dos pecados non levou máis que mentiras, unhas mentiras grandes coma contos de nenos. 

Categorías
Cousas

Foi por segui-los mandados dun amor

Foi por segui-los mandados dun amor verdadeiro que deixou a súa terra e a súa nai: unha terra verde e farturenta, unha nai vella e cega. Nos primeiros tempos doña Carmen viveu leda pola esperanza do retorno; dispois a seguranza de morrer no desterro deixouna abraiada. Dende entón a probe señora vive sempre lonxe do presente, asolagada en saudades, cunha doce tristura na surrisa; nos ollos a inquedanza dos xordos e nas mans señoriles a dúbida dos cegos. A boa señora enraizouse en terra allea e morrerá do ai que lle quedou.

Categorías
Cousas

Na noite da derradeira novena de difuntos

Na noite da derradeira novena de difuntos - Cousas de CastelaoNa noite da derradeira novena de difuntos a eirexa estaba inzada de medos.

En cada vela escentilaba unha ánima e as ánimas que non cabían nas velas acesas acochábanse nos currunchos sombrizos e dende alí fitaban os rapaces e facíanlles carantoñas.

Cada luz que o sancristán mataba era unha ánima acesa que se desfacía en fíos de fume e todos sentíamo-lo bafo das ánimas en cada vela que morría.

Categorías
Cousas

Todos cantos sabían algo da hestoria da vila

Todos cantos sabían algo da hestoria da vila - Cousas de CastelaoTodos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.

A siña Sinforosa era unha velliña que tódolos días pasaba o mar porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai súa avoa e cicais tódalas súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre, para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa sabía tódalas traxedias do mar naquela travesía. 

Categorías
Cousas

Dous vellos que tamén tiveron mocedade

Dous vellos que tamén tiveron mocedadeDous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron arnándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xilgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.

Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.