A ponte vella

A ponte vella - Cousas de CastelaoA ponte vella xa non rexe cos amores e as traxedias que leva no lombo e calquera día amañece afundida.

Se a ponte vella falase, atestiguar podía o que vou contarvos:

Era unha rapaza branca e bonita como unha filla de rei. Pola súa endebleza e o seu porte fidalgo fixérona costureira e tódolos anoiteceres pasaba pola ponte vella e cruzábase sempore co estudante de crego.

— Boas tardes, Rosa.

— Boas tardes, Pedro.

Ela viña da costura; el tornaba do latín. E olláronse de pasada tantas veces na ponte vella que cando Pedro entrou no Seminario, xa levaba un amor no peito.

O inverno foise e Pedro chegou do estudo e viña ardendo por ver a Rosa. O namorado sentábase tódolos anoiteceres na ponte vella, en espera…

A costureira branca e bonita xa non andaba na costura e ó topárense nalgún camiño, ela agachaba a cara no seu pano i el poñíase a morrer.

Un día Pedro escoitou, co corazón trubado, unha conversa na ponte.

— Aquela cariña tan feita trocouse nunha carantoña que pon medo. Xa seu pai viña de xentes marcadas con cruz no libro da parroquia, e que non pensen en curala… O que che ten a probiña é o mal de San Lázaro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *