Camiño esquecido

Camiño esquecido - Cousas de CastelaoCamiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se perde na boca moura dunha congostra.

Eu sempre perguntaba a miña avoa: ¿Onde vai da-la “verea vella”? E miña avoa respondíame con certo mistéreo: “Non vai a ningures, meu meniño”. 

Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.

Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes apodrecidas, moreas de tella; todo vai amortaxado con edras, silvas e loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.

Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera…

Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.

— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.

» Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.

» Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.

» De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben.

2 reflexións sobre “Camiño esquecido

  1. Pingback: Capítulo 0 » Contos novos e vellos na aldea abandonada de Abuín

  2. Pingback: Natalia Carou | Verbas no Tempo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *