O “Rifante” era un mariñeiro que ganaba pesos que na súa bulsa gardábanse talmente como auga nunha peneira. En terra o Rifante non tiña caletre ningún; en canto ponía pé no seu barco, trocábase nun sabio. Tiña moitos fillos e moitos netos e todos a gastar a barullo porque o mar daba para todo.
Ninguén lle negou o creto de bo patrón e de bo cristiano que tiña; mais ás veces parecía ter tratos co demo. Habían de larga-lo aparello outros mariñeiros e non habían de coller ren; chegaba o “Rifante” e collía unha fartura de peixe.
O “Rifante” era farturento de seu. Estando a pique de morrer afogado ofreceuse a Nosa Señora e regaloulle un manto de seis mil reás, ademais da misa cantada, música, foguetes, traxes novos e comida a fartar.
O “Rifante” tiña fe na súa fada. Unha vez enfermouse e fixo de patrón o fillo máis vello. En canto volveu do mar, o fillo achegouse ó leito do pai e tatexando de medo contoulle que o aparello quedara trabado nunhas pedras. O “Rifante” dixo simplesmente: “Non teñas medo, Ramón; o mar levouno, o mar dará para outro”. E despois calou e virouse cara á parede.
¡Que confianza tiña o “Rifante” no mar!
Pero tanta fartura minguou de súpeto e a fame foi entrando en tódolos fogares. Tal aconteceu cando as traíñas mataron o xeito.
O “Rifante” apareceu un día diante do meu pai, amigo seu dende nenos e adernais conselleiro.
— ¿Sabes unha cousa? —dixo—. Hai fame, ¡fame!, na casa do “Rifante”. Ti xa sabes que nunca pedín nada a ninguén; mais agora veño petar na túa porta para que me emprestes mil reás. Quero botarlle un balcón novo á miña casa, ¿sabes?, e así a xente que vexa que ando en obra non pensará que os meus non teñen que levar á boca.
Meu pai, que percorreu moito mundo, aseguroulle que a fame cúrase con pan, mais o “Rifante” púxose teso e volveu a falar.
— A vergonza é pior que a fame.
E seguro meu pai de non convencer en terra a un home que somentes ten intelixencia no mar, abreu a gabeta e colleu mil reás, pero o “Rifante” atallouno:
— Non, agora non mos deas; xa virei por eles.
Na noite daquel día velaí se sinteu unha tropa na nosa casa. Era o “Rifante” que viña coa muller, os fillos, os xenros, as noras e os netos; todos en procura dos mil reás.
A patulea do “Rifante” encheu a casa toda e daba medo pensar cómo formarían roda dernandando pan ó seu Patriarca.
O “Rifante”, coa gorra encachada até as orellas, pideulle os cartos a meu pai e, ó recibilos das súas mans, descubreuse relixiosamente e, amostrándollos a todos, dixo con solenidade:
— Miña muller e meus fillos, se morro, xa sabedes que se lle deben cincoenta pesos a iste horne.
E sen decir outra verba, tapou a cabeza e foise diante de todos, escaleira abaixo.
Unha resposta en “O “Rifante””
[…] un personaxe das Divinas palabras de Valle-Inclán ou aqueloutro que resucita o fantástico Rifante de […]