Foi por segui-los mandados dun amor verdadeiro que deixou a súa terra e a súa nai: unha terra verde e farturenta, unha nai vella e cega. Nos primeiros tempos doña Carmen viveu leda pola esperanza do retorno; dispois a seguranza de morrer no desterro deixouna abraiada. Dende entón a probe señora vive sempre lonxe do presente, asolagada en saudades, cunha doce tristura na surrisa; nos ollos a inquedanza dos xordos e nas mans señoriles a dúbida dos cegos. A boa señora enraizouse en terra allea e morrerá do ai que lle quedou.
Etiqueta: namorados
A ponte vella
A ponte vella xa non rexe cos amores e as traxedias que leva no lombo e calquera día amañece afundida.
Se a ponte vella falase, atestiguar podía o que vou contarvos:
Era unha rapaza branca e bonita como unha filla de rei. Pola súa endebleza e o seu porte fidalgo fixérona costureira e tódolos anoiteceres pasaba pola ponte vella e cruzábase sempore co estudante de crego.
Dous vellos que tamén tiveron mocedade
Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron arnándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xilgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.