Categorías
Cousas

Don Froitoso

Don Froitoso - Cousas de CastelaoDon Froitoso non vai polos camiños que levan á verdade, porque sospeita que a verdade ten semellanzas coa morte. Desque os homes do seu tempo foron acedándose pola esperencia, don Froitosos viroulles as costas e fíxose compañeiro dos mozos. Un gran optimista. O día que as súas pernas xa non rexan co seu corpo, chamará nas portas dos médicos, e cando fique varado nos cobertores, aínda agardará por un miragre a cencia. Todo menos facerse cargo da súa vellez. 

Don Froitoso é un home dos que retrasan o reló para retrasa-lo tempo e pecha os ollos cando quer que non o vexan. Todo maxinación e fidalguía, vive no seu derradeiro esforzo de galán. Un galán comprementeiro de barbas de liño e caraveles no bico.

O fidalgo barbuzán ten o espírito limpo como unha estrela. Certo día dixen eu que as monxas dos conventos eran cativas e vellas e don Froitoso fitoume feramente e fíxome calar porque para este vello galán aínda son verdades tódalas fermosas mentiras do romanticismo.

Don Froitoso foi a un baile do antroido pasado e alí topouse cunha criada disfrazada. Tratouna con moita cortesía, sen chisco de ruín intención, sen verbas lixosas, como cómpre tratár ás mulleres… Don Froitoso emparellou coa candonga e xuntos entraron nun apartamento, e alí o vello comenzou a recitar poesías de Béquer, que a criada escoitou a rir, a rir… Dispois o vello pideu champán, champán do mellor. E pasadas dúas horas a criada sinteu que lle voaban os miolos, e colléndose a don Froitoso dixo con aflición:

— ¡Ai, que mal me sentou aquel viño blanco con gaseosa!

Pero don Froitoso volverá recitar poesías e a pedir champán nos bailes de tranca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.