Doña Florinda

Doña Florinda - Cousas de CastelaoDoña Florinda casouse con Fungueiriño e viveu lúa tras lúa en espera dun fillo que non chegou. Laiándose da súa cativa sorte, doña Florinda pasaba as horas mortas na solaina escoitando o chouqueleo triste das galiñas poñedoras. Fungueiriño era xogador e morreu do corazón, deixándolle á probe fidalga os anceios fanados de acariñar un fillo.

O loito sentáballe ben a doña Florinda e a carne branca dos seus brazos chamou polas olladas a furto de don Roque. A boa fidalga soupo despertar un amor serodio no peito do solteirón e logrou casarse de segundas. E dispois de casada remenceulle novamente o degoro de ser nai, e aínda viveu, lúa tras lúa, en espera dun fillo que non chegou. Don Roque foise do mundo e doña Florinda quedouse soia diante dos seus anceios fanados. 

Pasaron moitos anos. Arestora doña Florinda é unha velliña chuchada polo tempo; tan velliña e tan mirradiña que xa parece unha reliquia. Agora, no remate da súa longa vida, ¡quen o diría!, doña Florinda olla cumpridos os seus vellos anceios. A chocheira fíxolle creer que ten un fillo e calquera día quédase morta de ledicia, da ledicia de ser nai.

A boa da fidalga ándalle dicindo a todos:

— ¿Non sabedes? Nasceume un fillo.

E todos se botan a rir porque as xentes xa non saben emocionarse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *