Categorías
Cousas

Aínda eu non nascera

Aínda eu non nascera - Cousas de CastelaoAínda eu non nascera e miña nai era pequena.

Na bocanoite dun día morno de abril as xentes da miña vila ollaron unha raiola de luz que viña do mar, batendo no campanario da eirexa como unha raiola de sol colada por unha fenda das nubes; pero non era de sol nin de luar nin de cousa semellante. Aquilo era unha luz de lóstregos, botada por un ollo vixiante, que cachea algo, deténdose de tempo en tempo no campanario da eirexa para sabe-la hora e seguir dispois traballando.

As xentes acudían en greas dende tódolos cabos da vila e plantábanse na praza, todos caladiños coma petos. Chantados os pés no chan seguían cos ollos o movimento da luz; alentaban a modo e os corazóns petaban forte.

Xa noite pechada chegou o médico, home de moito creto centífico, e todos fóronse a il agardando que da súa boca saíse a verdade. O médico ollou a luz, enrugou a narís, ergueu os hombreiros e dixo con cara de poucos amigos:

— Eu non coñezo iste fenómeno.

Nunca tal dixera. Unha muller formulou nun chío de delor o medo de todos. E as xentes enlouquecidas espalláronse polas rúas berrando: “¡Que se acaba o mundo!” “¡Que se acaba o mundo!”

Uns corrían con sacos de pan ó lombo en dereitura do monte, outros axionllábanse nos cruceiros e rezaban. Os neniños, levados polas nais, carpían con tódolos folgos; os vellos pedían confesión.

Os ladróns restituían o roubado ou declaraban o roubo; os calumniadores apreixaban a roupa das súas vítimas pedindo perdón. Diante da morte todos se laiaban dos seus pecados.

E arreo seguían resoando na noite, como cantos de galo, os berros arrepiantes: “¡Que se acaba o mundo!” “¡Que se acaba o mundo!”

O vello abade non daba abasto confesando pecadores e, canso xa, deteminou benzoar a todos e absolvelos porque a morte estaba perto e non había tempo que perder.

Nisto chegou Ramón, o mozo máis forte da vila, traendo da man a moza dos seus amores. A parella de namorados furaban na xente como unha punta de ferro e, dispois de moito traballo, presentáronse diante do abade e caeron ós seus pés.

— Cásenos, señor, cásenos, que estamos vivindo en pecado mortal.

E cando aínda non rematara de abenzoalos o abade, escoitouse unha voz que decía:

— ¡Non teñades medo ningún, que é luz eléutrica da escoadra inglesa! ¡Non teñades medo que é luz eléutrica!

Era o dono da fábrica de salazón, que viña correndo cun farol na man.

Ramón e Micalea xa non vivían en pecado e colleron vergonza diante da xente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.