O señor Antón vivía cando meu avó era mozo. O señor Antón foi un pintor de moita sona, e da súa artesanía quedaron probas a barullo. O señor Antón pintaba todo con lindas coores, tapando madeiras e pedras coma se as vestise con traxes de festa. O señor Antón coidaba que tódalas cousas estaban encoiradas cando non estaban pintadas, e pouco a pouco foi pintando todo, todo… convertindo a pedra en madeira e a madeira en pedra, para que as xentes pasmasen. ¿Pensas que é pedra? Pois non, señor, que é madeira. ¿Pensas que é madeira? Pois non, señor, que é pedra. e velaí o engado artístico do señor Antón.
As súas mellores obras son uns gardaciviles recortados en táboas que hai no moimento de Semán Santa e un cadro de almiñas que ten o tumbo dos difuntos, onde din que puxo a o vello abade pintiparado; pero o señor Antón vivía de facer retratos.