Categorías
Cousas

Era un barbeiro de sábado

Barbeiro de sábado - Cousas de CastelaoEra un barbeiro de sábado que amaba os libros que non entendía e gustaba de lelos todos enteiros.

Unha vez topeino coa testa pousada nas mans, ó xeito dun pensador, e díxome:

— Estou profundando.

E dende entón, para min, hai homes que “profundan”. 

O tal barbeiro de sábado pasou pola vida cos sentidos revirados cara á súa iñorancia, traballando a carón dun compañeiro que tiña os sentidos abertos ó mundo.

Ensumíase arreo dentro de si mesmo para “profundar” nos misterios da outra vida e sempre remataba laiándose:

— Non podo “profundar” máis orque non sei latín.

Un día pousou os ollos no mar —endexamais reparaba en cousas miúdas— e, dispois de ter “profundado” un bo retrinco de tempo, deitou na orella do seu compañeiro ista frase:

— O mas, ¿sabes? O mar… ¡é un fenómeno!

O probe barbeiro de sábado asombraba a todos coa súa sabencia… Unha vez púxose serio, como un frade de pau, e aseguroulle ó compañeiro:

— Eu teño que morrer e teño que ser xuzgado, “pese que me pese”, ¿sabes?

E decíao soletreando o “pese que me pese”.

A máis veces, o barbeiro de sábado dubidaba dispois de “profundar” en cousas do outro mundo.

O probe barbeiro de sábado morreu e puxérono nunha caixa de pino e o seu compañeiro foi a velo e botou unha bágoa.

E unha muller, das que facían o pranto, decía:

— ¡Agora xa non profundas! ¡Agora non profundas porque xa o sabes todo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.