Na “cova dos carcarnáns” vive —según contan— unha dona encantada que vén a peitearse de mañán cedo nas pedras da beiramar, i eu gustaba de ir mata-lo tempo naquela medoñenta soedade, agardando que calquera día aparecese diante dos meus ollos a fremosura que tantos mariñeiros ollaran. I en axexo da dona encantada pasei días e días sentado no curuto da mesma pedra.
Fun esquecéndome do encanto e afíxenme á soedade medoñenta e ó bruído das ondas do mar. Aínda levo nos ouvidos o son das ondas que escachaban nas pedras e a resposta que facían no fondo da “cova dos carcarnáns”.
Os meus ollos poucas veces esculcaban nas lonxanías: pousábanse mellor no fondo das augas, onde eu podía avista-lo mundo que criou mitos no maxín popular.
Non sei por qué, mais eu sempre detiña o meu ollar nunha pedra redonda como un cráneo, toda cuberta de argazo verde. E as miñas visitas xa non tiñan outro ouxeto que olla-la pedra redonda.
Un día de mareas vivas tanto devalou o mar que a pedra botou fóra das augas o seu curupete e nunca tanto se asemellou a un cráneo cuberto de cabelos verdes. Cando unha onda solagaba a pedra, o pelo desfiañábase debaixo do mar, abolando como o cabelo dunha muller afogada. No recuar das ondas a pedra saía das augas e o cabelo aplacábase i entón aparecía peiteada con raia ó médeo, talmente como unha cabeza de muller.
Moitas veces ollei como as ondas do mar xogaban co cabelo verde e os meus ollos encantados non se fartaban endexamais.
Nun serán de brétema déronme tentacións de colle-la pedra e desfacerlle os cabelos para dar acougo ó meu espírito.
Arriscándome moito puden chegar pertiño da pedra redonda e, alongando o brazo, apañei os cabelos e turrei por eles para riba.
A pedra era levián i erguina no aire como un verdugo que amostra unha cabeza cortada.
Cando me lembro, aínda sinto un arrufío nas costas. O que eu tiña pendurado polos cabelos non era unha pedra, non: era… ¡unha caveira humán!
Cicais a caveira da dona encantada, que debeu rnorrer, porque xa fai moito tempo que non vén peitearse de mañán cedo nas pedras da beiramar.