Categorías
Cousas

Todos cantos sabían algo da hestoria da vila

Todos cantos sabían algo da hestoria da vila - Cousas de CastelaoTodos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.

A siña Sinforosa era unha velliña que tódolos días pasaba o mar porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai súa avoa e cicais tódalas súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre, para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa sabía tódalas traxedias do mar naquela travesía. 

Nos días de tempo ruín, cando funga o vento nas cordas e os salseiros varren a cuberta do barco, a siña Sinforosa metíase en si e rezaba pola súa ialma.

Nos días mainos a siña Sinforosa rezaba polos afogados. O barco ía andando cara á banda de alá e a mandadeira ía rezando sempre.

— Un padrenuestriño polo Xan de Codeso, que morreu afogado un día da Candelaria.

— Unha salve por doña Rosa Faxardo, que se botou a afogar na punta da Falcoeira.

— Un padrenuestriño, unha salve e unha avemaría polas catro fillas do Belurico, que morreron de volta do mercado.

— Unha salve por Ramón Collazo, que o levou un cóngaro e nunca máis apareceu.

Así seguía rezando, rezando sempre, por todos cantos morreron naquel camiño do mar. A vella mandadeira gardaba na memoria os nomes dos afogados e as datas das traxedias.

Un día reparei que a siña Sinforosa rezou por “un rapaciño que morreu en Tronco”, e pergunteille:

— ¿Quen foi o rapaciño que morreu en Tronco, siña Sinforosa?

I ela respondeume:

— Non o sei, meu amantiño; ise afogado non é do meu tempo pois xa rezaba por el a difunta de miña avoa, que no Ceo estea.

A siña Sinforosa morreu xa, e de tantas traxedias non quedan máis que tres ou catro cruces de madeira chantadas nas pedras de beiramar. A vella mandadeira levou ó Alén a hestoria de tódolos afogados da vila en que eu nacín.

Unha vez que atravesei o mar, sentín dentro do meu peito o baleiro de tanto esquecimento e en nome de tódolos afogados preguei:

— Un padrenuestriño pola sifía Sinforosa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.