Categorías
Cousas

Cando Bieito quedou orfo

Cando Bieito quedou orfo - Cousas de CastelaoCando Bieito quedou orfo de pai e nai, chegou das Américas un parente e levouno consigo.

Na víspera de emprende-lo viaxe, colleu o camiño do monte e alá enriba, no curuto de todo, deixou ben agachado un ichaviño. Foi a idea sentimental dun neno de doce anos.

Dispois, nas pampas arxentinas, apurráronlle tódolos cans, cando aínda non sabía gobernarse na soedade dos campos se camiños. E moito padeceu para deprender a encararse con homes, rillando as ganas de chorar… 

A troco de anacos do espírito Bieito conquireu un sentido novo e, traballando sen acougo, ganou riquezas dabondo. Casouse, nascéronlle fillos e prendeuse en terra allea.

Os trafegos da súa vida non lle deran lecer para lembranzas sentimentaes e foi ó cabo de trinta anos de loita cando Bieito alentou forte e pudo virarse cara o pasado. E neste punto a morrilla metéuselle na caixa do peito.

Cacheando nos currunchos da memoria as farraspiñas esquecidas do seu ledo vivir de neno, Bieito sempre remataba pensando no ichaviño que deixara gardado no curuto do monte. E non podendo vivir máis tempo sen visita-los eidos nativos, meteuse nun barco e chegou á Terra.

As verbas esquecidas do noso falar, o musgo, os couselos, os fieitos e tódalas cousas que ía topando no camiño enchían de ledicia o seu corazón. Cando chegou ó curuto do monte, os ollos revíanlle felicidade. No mesmo sitio en que o deixara encontrou o ichaviño, e non hai parolas no mundo que poidan darvos idea da emoción de Bieito naquel intre. Dispois machouse cabo dos fillos.

Agora Bieito ten un ichaviño pendurado da súa leontina de ouro e ten unha mágoa na hucha do peito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.