Categorías
Cousas

Foi por segui-los mandados dun amor

Foi por segui-los mandados dun amor verdadeiro que deixou a súa terra e a súa nai: unha terra verde e farturenta, unha nai vella e cega. Nos primeiros tempos doña Carmen viveu leda pola esperanza do retorno; dispois a seguranza de morrer no desterro deixouna abraiada. Dende entón a probe señora vive sempre lonxe do presente, asolagada en saudades, cunha doce tristura na surrisa; nos ollos a inquedanza dos xordos e nas mans señoriles a dúbida dos cegos. A boa señora enraizouse en terra allea e morrerá do ai que lle quedou.

Categorías
Cousas

Cando Bieito quedou orfo

Cando Bieito quedou orfo - Cousas de CastelaoCando Bieito quedou orfo de pai e nai, chegou das Américas un parente e levouno consigo.

Na víspera de emprende-lo viaxe, colleu o camiño do monte e alá enriba, no curuto de todo, deixou ben agachado un ichaviño. Foi a idea sentimental dun neno de doce anos.

Dispois, nas pampas arxentinas, apurráronlle tódolos cans, cando aínda non sabía gobernarse na soedade dos campos se camiños. E moito padeceu para deprender a encararse con homes, rillando as ganas de chorar… 

Categorías
Cousas

Chegou das Américas un home rico

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo… O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose moxo comprido, se máis chatas que a súa coor… Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, cun caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas. 

Categorías
Cousas

O pai de Migueliño

O pai de Migueliño - Cousas de CastelaoO pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botóulle unha ollada ó retrato.

Os “americanos” xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistóuno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sintéu por il un grande amor e canto máis se achegaba o “americano”, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o “americano” pasóu de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo. 

Categorías
Cousas

Unha rúa nun porto lonxano

Unha rúa nun porto lonxano - Cousas de CastelaoUnha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de tódalas castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo…

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse, camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.