Categorías
Cousas

Manter un animal para comelo

Manter un animal para comelo - Cousas de CastelaoManter un animal para comelo non está ben, aínda que troquémo-la súa carne na nosa propia carne; pero manter con agarimo un animal para levalo dispois á feira, paréceme unha mostra da ruindade humán.

¡Un día na feira! Diñeiro, xuramentos falsos, meter burro por cabalo, comidas con pimento, pan reseso, viño cativo, tabernas acuguladas… A leda bullanga das feiras é tan mintireira como son as carantoñas do antroido, pois debaixo da ledicia hai tristura nos que venden e medo nos que mercan O día de feira todos van de raposos e ninguén leva o corazón no peito, porque todos coidan que a xente de ben perde diñeiro nos tratos. 

O chorar dos cabritos, que se laian coma fidalguiños esmirriados, pode feri-lo peito dun home endeble; o noxente carpir dos porcos, que berran por calquera cousa, abrouxa os nosos ouvidos e desfai toda compasión. Pola rúa van pasando, no remate da feira, os regueiros da dor animal; pero nas feiras hai algo máis.

Os homes anda ó seu e non reparan na outra dor, na dor humán que sinten os aniles de Deus. As probes vacas endoudecidas que chaman polos fillos, os probes puchos qeu van ó matadeiro chamando polas nais…

Eu quero que todos seipan iste conto:

Unha vez había dous bois que xa eran moi velliños e que traballaran xuntos toda a súa vida. O amo vendeunos para matar e tiveron que arredarse para sempre… E din que no intre da despedida díxolle un ó outro:

— Adeus, meu compañeiro, e deica a feira de Soutomaor.

(Na feira de Soutomaor había mercado de coiros).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.