Categorías
Cousas

Manter un animal para comelo

Manter un animal para comelo - Cousas de CastelaoManter un animal para comelo non está ben, aínda que troquémo-la súa carne na nosa propia carne; pero manter con agarimo un animal para levalo dispois á feira, paréceme unha mostra da ruindade humán.

¡Un día na feira! Diñeiro, xuramentos falsos, meter burro por cabalo, comidas con pimento, pan reseso, viño cativo, tabernas acuguladas… A leda bullanga das feiras é tan mintireira como son as carantoñas do antroido, pois debaixo da ledicia hai tristura nos que venden e medo nos que mercan O día de feira todos van de raposos e ninguén leva o corazón no peito, porque todos coidan que a xente de ben perde diñeiro nos tratos. 

Categorías
Cousas

O burro non bulía nin chisco

O burro non bulía nin chisco - Cousas de Castelao

O burro non bulía nin chisco: tiña os ollos abertos, enfiados no chan, e polas trazas o burro cabilaba de firme, asolagado nas súas cavilacións. Eu enfiei os meus ollos no burro e tamén me puxen a cavilar, esquecido de min mesmo; ensumíndome nos adentros da besta, e sen facerme cargo, os meus pensamentos eran os do burro.