Categorías
Cousas

O bruxo da montaña

O bruxo da montaña - Cousas de CastelaoO bruxo da montaña sabe moitas andrómenas para sanda-las almas feridas. Adiviña canto está por acontecer, se máis que perguntarllo á “peneira de san Cibrán”, e sempre ten unha feiticería axeitada para cada mágoa. ¡Ouh, o bruxo da montaña sabe máis da conta!

Un día é unha rapaza que se mirra de amor e o bruxo inquire da peneira.

— Peneira que peneiras o pan da cristiandade: se Fulano puxo o seu pensamento nesta rapaza vírate para alí.

Moitas veces a peneira vírase para acolá e a coitada sinte as angurias da morte; mais o bruxo, doído de tanto amor como choran o ollos da namorada, asegúralle que o Fulano tornarase cego para tódalas mulleres e non ollará máis que a súa bonitura. E deseguida comenza o enfeitizamento. 

O bruxo apaña un sapo e faille moitas cousas e dille moitos ditos que adeprendeu nos libros segredos; dispois cóselle, con agulla enfiada de fío verde, as pelexas dos ollos, ser ferirlle as meniñas, e de remate céiballe estas palabras:

— Sapo, sapiño; eiquí quedas preso e non verás sol nen lúa namentras o Fulano non poña o seu pensamento nesta rapaza bonita.

E a rapaza sai da casa do bruxo cos ollos escentilantes de felicidade.

Eu vino unha noite de tormenta á luz dun lóstrego, esconxurando os nubeiros, e axiña me decatei de que o bruxo ten un espírito que vén de outras edás, que é un “sabio” que non sabe cando foi poeta.

O bruxo empurraba as nubes coma se fosen carneiros e berráballes:

— ¡Tronos ó mar! ¡Tronos ó mar, que alí hai ben onde se afogar! ¡Tronos ó mar!

O bruxo defendendo a montaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.