O señor Antón

O señor Antón - Cousas de CastelaoO señor Antón vivía cando meu avó era mozo. O señor Antón foi un pintor de moita sona, e da súa artesanía quedaron probas a barullo. O señor Antón pintaba todo con lindas coores, tapando madeiras e pedras coma se as vestise con traxes de festa. O señor Antón coidaba que tódalas cousas estaban encoiradas cando non estaban pintadas, e pouco a pouco foi pintando todo, todo… convertindo a pedra en madeira e a madeira en pedra, para que as xentes pasmasen. ¿Pensas que é pedra? Pois non, señor, que é madeira. ¿Pensas que é madeira? Pois non, señor, que é pedra. e velaí o engado artístico do señor Antón.

As súas mellores obras son uns gardaciviles recortados en táboas que hai no moimento de Semán Santa e un cadro de almiñas que ten o tumbo dos difuntos, onde din que puxo a o vello abade pintiparado; pero o señor Antón vivía de facer retratos. 

¿Qué como facía retratos o señor Antón?

Estando diante dun xerro de viño tinto, velaí chega unha muller e mais unha nena. A muller dille ó señor Antón.

— Eu estimaríalle mesmamente que fixese un retrato da picariña porque o meu home está fóra, ¿sabe?, e queríallo mandar.

O señor Antón guinda unha ollada enriba da nena, dispois póusalle unha man na cabeza e bambéalla para ensaminarlle ben o cariz e deseguida arrédase unha migalla para medila cos ollos chiscos. De remate, apreixa o queixo coa man e respóndelle á muller:

— O sábado que ven podes vir polo retrato.

Así facía os retratos o señor Antón cando non había fotógrafos e, disque, todos lle saían pintiparados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *