Categorías
Cousas

O fillo de Rosendo

OO fillo de Rosendo - Cousas de Castelao fillo de Rosendo andaba aboiado polas rúas amostrando a súa faciana albeira de mozo malmantido. As letras que deprendera non eran dabando para vivir do traballo da testa e o señoría conquerido non lle deixaba vivir do traballo das mans. Botara tres anos de bachillerato e xan non podía traballar… E a forza de “pitillos” regalados foi matando a cobiza de outras regalías da mocedade.

O fillo de Rosendo xungueose a unha muller, vella, gorda e rica, porque diante de si non aviscaba máis que o pan da esclavitude. ¡Gran desgracia! Porque hai algo peor que traballar para non morrer de fame i é casarse para poder comer tódolos días. 

O fillo de Rosendo foi ó casoiro como vai un meniño a unha cesta de melindres, sen decatarse da súa desgracia, porque aínda non se fixera cargo de que a ledicia de comer con fame ten o seu remate na fartura e o casoiro non o ten máis que na morte.

O fillo de Rosendo fíxose dono de algúns pesos nas vísperas do casamento e cando se casou levaba oito décimos de lotería nos petos do seu traxe novo.

E cando o fillo de Rosendo xa estaba encarado coa súa desgracia, chegou a lotería e púxolle nas mans unha chea de miles de pesos, que non eran da súa muller, que eran seus mesmamente, porque de certo que xa os levaba consigo cando foi á eirexa…

A sorte chegou tarde e agora o fillo de Rosendo anda sempre aparellado coa súa muller, que é o seu drama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.