Categorías
Cousas

O vello “Saramaguiño”

O vello "Saramaguiño" - Cousas de CastelaoO vello “Saramaguiño” pasou a vida cacheando tesouros. Coa pacencia dun xogador de lotería o vello “Saramaguiño” rexistraba o campo da feira, dispois da feira, e o campo da romería, dispois da festa. ¡Cantos valados escudrumou en procura da ola de onzas recortadas! ¡Ai!, o probe “Saramaguiño” morreu sin atopa-lo tesouro degoirado, e nos derradeiros días da súa vida baixábase para apañar do chan as cousas redondas ou brilantes en que batían os seus ollos pitoñentos.

O “Saramaguiño” foi un home de boa fe e na folica dos pecados non levou máis que mentiras, unhas mentiras grandes coma contos de nenos. 

— Una vez —contaba— chegou a escoadra inglesa e velaí me vou eu pola noite a cachear o areal porque cando hai escoadra na ría o mar cuspe cousas boas. ¡Ja, ja, ja! E vais e unha vez no devalo da marea quedou na beiramar unha caixa moi longa. E vaise e fun eu e cargueina ó lombo. ¡Ja, ja, ja! A condanada pesaba tanto que me derreaba de todo; pero eu saquei forzas de non si ónde e logrei chegar con ela diante da miña porta. ¡Ja, ja, ja! E vaise e chamei pola miña mulle: ¡Abre, Xoana, que traio un tesouro! ¡Abre deseguida, muller, que xa somos ricos! ¡Ja, ja, ja! Eu xemía con tódolos folgos ollando a caixa que gardaba tanto ben cobizado e, cando baixou a miña Xoana collémo-la caixa e metémola na casa. ¡Ja, ja, ja! Mintiría se non dixese que foi o intre máis feliz da miña vida. E vaise e dispois abrímo-la caixa e como atopar atopamos… ¿sabedes o que?, pois… un inglés morto. ¡Ja, ja, ja!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.