Categorías
Cousas

Foi por segui-los mandados dun amor

Foi por segui-los mandados dun amor verdadeiro que deixou a súa terra e a súa nai: unha terra verde e farturenta, unha nai vella e cega. Nos primeiros tempos doña Carmen viveu leda pola esperanza do retorno; dispois a seguranza de morrer no desterro deixouna abraiada. Dende entón a probe señora vive sempre lonxe do presente, asolagada en saudades, cunha doce tristura na surrisa; nos ollos a inquedanza dos xordos e nas mans señoriles a dúbida dos cegos. A boa señora enraizouse en terra allea e morrerá do ai que lle quedou.

Nos primeiros tempos, cando a fidel namorada choraba e tiña esperanzas, recibeuse unha carta de loito e o seu home rachouna. Dispois recibíronse cartas de mentira, que un curmán mandaba de tempo en tempo por encargo do home de doña Carmen.

— Xa ves o que di de túa nai o curmán Roque, ¿eh?

— Si, si; parece miragre.

Foi por segui-los mandados dun amor - Cousas de CastelaoE Roque seguía dicindo que a vella vivía, e a vella pasou dos oitenta, dos noventa, dos cen anos… ¡Os vellos doutro tempo duran tanto…! Pero un día o curmán Roque morreu de vello e xa non viñeron máis cartas.

Doña Carmen choraba coma nos primeiros tempos e o seu home desfacíase en agarimos, e non podendo xa gardar unha mentira tan grande, díxolle unha noite poñendo moito amor nas verbas:

— Perdón, Carmela. Chora canto queiras, muller, porque a túa nai morreu; morreu fai hoxe trinta e cinco anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.