Categorías
Cousas

Xa van alá moitos anos

Xa van alá moitos anos - Cousas de CastelaoXa van alá moitos anos e aínda hoxe teño remorsos.

Non había antroido que deixasen de vir á miña casa dúas máscaras choqueiras. Sempre os dous mesmos esterqueiros, coas mesmas caretas, cos mesmos traxes, cos mesmos dios. Eles sabían un segredo amoroso da miña mocedade e tódolos anos viñas chantarmo na cara coas mesmas verbas, coas mesmas gargalladas paifocas. 

As dúas máscaras batían o chamador da miña porta tódolos domingos de antroido. Xustamente tódolos anos, no mesmo día e á mesma hora. Eu adoecía por descubrilos; pero endexamais logrei nin tan sequera unha sospeita guiadora. Eles chamaban, entraban, bruaban o meu segredo, rían a cachón e logo fuxían deixándome alporizado de carraxe.

Un ano convideinos con augardente… e púxenlles diante de si unha garrafa chea de purgante Leroy (meiciña que agora xa non se estila). Os choqueiros cheiraron o augardente, probárono con sospeita, baduaron algúns chiste á miña conta, arrombaron as gorxas e pouco a pouco foron enviando a garrafa enteira; de modo que a cada un cadroulle de tomar quince purgas, pola baixa. ¡Ían ven servidos os malpocados!

O meu divertimento durou pouco. Axiña de se marcharen comenzaron os remorsos a rillar na miña concencia. Eu era un criminal e o suor frío do arrepentimento corríame polo corpo. eu saín da casa en procura dos choqueiros. Cacheei as tabernas e bailes de tranca e as máscaras non apareceron; perguntei a moita xente e ninguén soupo darme razón deles. A mañanciña do luns colleume aínda na rúa, todo apouvigado, en procura dos choqueiros.

Endexamais volvín a velos diante de min. ¡Endexamais! E quedoume un remorso tremendo porque… ¿morrerían?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.