Categorías
Cousas

A vella non paraba de gaba-la súa felicidade

A vella non paraba de gaba-la súa felicidade - Cousas de CastelaoA vella non paraba de gaba-la súa felicidade.

— Esta rapaza baixou do Ceo para ledicia da miña vellez. Un anxo que me mandou o Noso Señor. Unha froliña bonita que nasceu no meu corpo de terra. ¡Ais, que sería de min, soia no mundo, sen agarimo de ninguén!

A vella sigue debullando gabanzas.

— Esta miña filla é unha santa, porque as súas mans saben esvaer doores e curar feridas. Ela encheu de luz a miña noite e fixo quence-la miña vellez. ¡Que sería de min, orfiña de todo, a morrer esterricada nun camiño calquera!

A vella segue a súa ledaíña de gabanzas.

— O meu corpo pedeu os seus remos, pero velaí están rexos e fortes os remos da miña rapaza. Cando cansaron os meus brazos, traballaron os brazos dela. Cando as xiadas embazaron os vidros das miñas fiestras, eu aínda vexo camiños polos ollos limpos da miña filla. ¡Ai, que sería de min!

Dos beizos chuchados da vella van saído parolas acesas de contentamento.

— Ela era miña filla e agora é miña nai. ¡Que sería de min sen esta naiciña que me agarima! ¡Ai, e cando eu morra terei quen pregue por min ó Ceo!

A vella sigue arreo gabando a súa felicidade.

Un día pergunteille á vella:

— ¿Quen foi o pai da súa filla?

E a vella respondeume:

— Non sei como se chamaba; pero… ¡abenzoado sexa o seu nome!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.