Categorías
Cousas

Esa fiestra non é un ollo da casa

Esa fiestra non é un ollo da casa - Cousas de CastelaoEsa fiestra non é un ollo da casa, como son as fiestras, pois ela somentes sirve para que tome a raxeira do sol un cego, o cego qeu se fixo rico a cantar cantigas de rexouba cabo das empanadas arrecendentes.

As vexigas que petiscaron os ollos do cego foron un ben do Noso Señor. Non foi cego de pedir polas portas; nin tampouco cego de cibdade, que chora no violín, escorregando devagariño polas cordas un dedo chuchando de fame. Foi simplementes un cego de romería, un pillastrón, un moinante. 

Cando que lembrar algunha cousa da súa longa vida, comenza sempre amostrando aquel canteiro ridor que ten chantado, coma nembro de portelo, nas súas enxibas vermellas; dipois ceiba unha risada de trunfador.

— Foi polo San Martiño…

O cego que mornea ó sol, como un gato, na fiestra, gorentou cos ollos pechados todas cantas regalías hai na terra. Cando eu o vin xa era moi velliño e xa daba santos consellos á mocedade. Vivía no suo dunha familia labrega, con boa cama e boas cuncas de caldo.

Contan que o cego chamou por unha boa muller e amostroulle moitas onzas de ouro, que faiscaban ó sol, e díxolle panxoleiro:

— Se me levases a morrer na túa casa, para ti serían os meus tesouros.

E a muller levouno coma que leva a un santo.

O cego morreu e agora contan que as onzas recortadas que gardaba a rentes do coiro eran cachos de metal dourado…

Foi a derradeira falcatruada do cego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.