Categorías
Cousas

Semellante a un frade de madeira

Semellante a un frade de madeira - Cousas de CastelaoSemellante a un frade de madeira mal pintada; tiña un nariz vermello de antroido e unha calva esvaída de difunto reseso, e non sabía un por onde tomale para moufarse da súa cativeza. Malasisado coma os sinos, que repenican con tolería de festa e logo tanxen a morto. Tan amigo de beber que sendo pequeno foise ó augardente dun feto, que era tío seu, e deixouno sequiño de todo. Para gana-la vida chegou a ouvear coma un can no tempo das uvas.

Pero certo día topouse cunha muller nun camiño de romería. A muller ía de promesa, cun faroliño na man. Faloulle, namorouna e casáronse deseguida. 

Ela é un ananuxo que gana diñeiro nos mercados como regateira de roupa vella. El fíxose borracho de solenidade. E os dous xuntos son a risa do pobo nos domingos e días de gardar.

Cómpre decirvos que tiveron un fillo tan forte de corpo e de alma, tan desemellante dos seus pais, que parecía un neno roubado. O neno medrou e fíxose home de proveito e largou para fóra.

O pai anda decindo:

— Non volve porque como a nai é así…

E a nai anda decindo:

— Non volve porque como o pai é así…

Pero eu sei que non volve porque aínda non é dabondo rico para mata-las risas dos que se moufan dos seus pais; que con diñeiro pódese chegar a Excelentísimo Señor, según xa ten pasado e aínda pasará.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.