Categorías
Cousas

Ese rapaz saído das miñas lembranzas

Ese rapaz saído das miñas lembranzas - Cousas de CastelaoEse rapaz saído das miñas lembranzas de neno foi un compañeiro da escola, gran enemigo de gatos e capitán arriscado de tódolos rillotes. Eu non podo esquecer como se ría estoupando a pedradas os ventres inflados dos cans mortos.

Unha vez o noso destemido compañeiro levounos diante da chouza dunha mendicante e díxonos moi afouto:

— Ides ver que risa. 

Dispois destellou un anaco do tellado e meteuse dentro da chouza. Axiña comenzaron a saír, lanzados por unha bufarda, os codelos de pan e as espigas de millo, esmolas que a vella mendicante acarrexara como unha formiga naquel outono farturento. Dispois o rillote apareceu no tellado a rir, a rir…

Os porcos e as galiñas tiveron festa e os rapaces da escola ollábamos cos ollos arregalados, coma que avisca un sacrilexo. Tódolos rapaces ficamos quedos, e, cando o rillote reparou que tíñamo-lo ánimo engruñado, díxonos para amaina-los ecrupos de concencia:

— Total a vella non merca nada, que llo dan todo.

Aquel rapaz agora é un señor de sona e de creto, dono de moitos millóns, amo de moita xente e de moitos comercios alá nas Américas.

Queira o Ceo que non retorne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.