Amigo meu: Eu era cismador e pensatibre a quen a morte gadaña axexaba cos dentes arregañados. No intre de pecha-los ollos para me durmire, un dediño de óso, ou máis ben de marfil, petaba levián na miña testa e o medo facía esplosión en min. Tódalas noites.
Eu morríame do corazón e os médicos non me decían a verdade porque cicais o meu mal non tiña cura. Visitei un e outro e outro máis, e todos me dixeron o mesmo: “Non ten nada”. Pero eu sentía o meu corazón debaterse na súa gaiola, coma un paxaro entolecido, e somentes cando eu ficaba quediño, sen bulir nin chisco, durmía o paxaro do meu peito.