O “Rifante” era un mariñeiro que ganaba pesos que na súa bulsa gardábanse talmente como auga nunha peneira. En terra o Rifante non tiña caletre ningún; en canto ponía pé no seu barco, trocábase nun sabio. Tiña moitos fillos e moitos netos e todos a gastar a barullo porque o mar daba para todo.
Ninguén lle negou o creto de bo patrón e de bo cristiano que tiña; mais ás veces parecía ter tratos co demo. Habían de larga-lo aparello outros mariñeiros e non habían de coller ren; chegaba o “Rifante” e collía unha fartura de peixe.